Categorías
Uncategorized

As longas colas do cometa NEOWISE

Créditos da imaxe e Copyright:Petr Horalek

Este cometa NEOWISE (C/2020 F3) anda agora a varrer os ceos norteños do noso fermoso palneta. As súas colas longas estrícanse nesta fonda paisaxe celeste desde Suchy Vrch, República Checa. A composición, gravada na noite do 13/14 de xullo, contén tomas da paisaxe sen seguimento e do ceo filtrado e con seguimento, revelando detalles da cola do cometa que non se ven a ollo nu. As estruturas tenues esténdense ata a parte superior do cadro, uns 20 graos desde a brillante coma cometaria. A ampla curva da amarelada cola de po do cometa, expulsada pola presión da propia luz solar, é sinxela de ver a simple vista. Pero a cola iónica, máis azulada e tenue, está separada da reflectiva cola cometaria. A cola máis feble é unha cola iónica, formada cando os ións procedentes da coma do cometa son expulsados ao exterior polos campos magnéticos co vento solar e emiten fluorescencia ao ser alumeada. Xa saíndo do sistema solar, o NEOWISE vai rubindo nos ceos nocturnos setentrionais cada vez máis arriba, chegando ao seu punto máis próximo á Terra o 23 de xullo.

Imaxes destacadas do cometa NEOWISE enviadas ao APOD: || xullo 15 || xullo 14 || xullo 13 || xullo 12 || xullo 11 || xullo 10 e antes ||

Categorías
Uncategorized

Comezamos!

O APOD da NASA (Astronomical Picture Of the Day) é unha web que se publica desde o ano 1995. Cada día, unha imaxe astronómica comentada por un astrónomo profesional. Sempre abraiando, sempre de admirar, as imaxes e o texto permítennos botar unha ollada a un mundo marabilloso e ao noso alcance.

Agora, en galego, para facilitar a máis persoas que poidan acceder a esta información puntual. Vimos de crear un equipo de “tradutores” ou facilitadores de 10 persoas. Cada día, publicaremos a imaxe correspondente co texto en galego. Cada día, unha xanela aberta ao cosmos que nos arrodea.

Agardamos que nos leades, comentedes, difundades, sigades…

E se queres sumarte ao equipo sempre haberá sitio. Tanto para a tradución como para o soporte WordPress ou promoción en redes. Hai moito que facer.