Categorías
Uncategorized

Cometa NEOWISE e nebulosas


Créditos da imaxe & Copyright: Jarek Oszyw

Explicación: Afrontarías animais salvaxes para fotografar este ceo? Un astrofotógrafo fíxoo e todas e todos recollemos a recompensa. En primeiro lugar, temos miles de estrelas á vista, incluídas moitas das máis brillantes e abraiantemente azuis. A maiores, vense varias nebulosas vermellas brillantes, entre elas a Nebulosa de California á dereita, e, enriba dela, as Nebulosas do Corazón e da Alma. Mais a verdadeira razón para encarar a fauna salvaxe local foi o Cometa NEOWISE, visíbel á esquerda. Na composición de exposicións longas tomadas a pasada semana, a cola iónica azul brillante do Cometa NEOWISE apunta cara a arriba, oposta ao Sol nacente, mentres que a cola de po que reflicte a luz do Sol apunta á dereita. A imaxe combina tres exposicións obtidas de forma consecutiva durante dez minutos desde a mesma localización preto de MiedzygórzePoland. Unha estrada de terra iluminada pola Lúa sinala o camiño e vense os Montes Śnieznik sobre o horizonte. O cometa C/2020 F3 (NEOWISE) pasa polo punto máis próximo á Terra esta semana, e logo diso a bola de xeo sucio, de 5 quilómetros de largo e en evaporación, irá esvaecendo ao regresar ao Sistema Solar exterior.